Saturday 27 de April de 2024

A Pobra acollerá un obradoiro familiar para fomenta-lo uso do galego


Coñece-lo pasado e a evolución da lingua galega para concienciar sobre a importancia de mantela viva na escrita e na oralidade. Esta é a base de O lar das palabras, un obradoiro para mergullarse no noso idioma e fomenta-lo seu uso dende unha perspectiva lúdica e afectiva no ámbito familiar.

Trátase dunha actividade realizada para o repositorio TeCe Redes en galego ó abeiro do Fondo de Proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia para os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, que chega á Pobra do Caramiñal da man da Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).

Terá lugar no 13 de novembro, a partir das 17.00 horas, na Casa Mariñeira, situada nas inmediacións do parque do Castelo. O público receptor son crianzas de entre 3 e 8 anos, acompañadas de persoas adultas. A entrada é libre ata completa-la cabida.

A sesión comezará coa narración do conto que titula este taller. Relata a historia, en clave simbólica, dun reino onde habitaban unhas palabras moi antigas que cada día que pasaba ían esmorecendo. Ninguén sabía que pasaba. Para preservalas, gardábanas en cofres de ouro, con mil chaves, pero todo o esforzo era inútil. Ata que unha vella e unha nena pronuncian as palabras con agarimo e recuperan así o seu vigor.

Deseguido, darase paso a unha charla na cal se compartirán sensacións para trazar un paralelismo entre a ficción e a realidade. A partir desa conversa, proporanse ideas de como facer que o galego teña oco no noso día a día e realizarase un dicionario familiar, coa finalidade de provocar na rapazada unha reflexión e participación activa.